Sunday 05 de May de 2024

O Concurso de Disfraces de Brión, que repartirá 2.745 euros en premios, porá o punto e final ao Entroido na comarca o 14 de febreiro


As inscricións poderán facerse na Casa da Cultura (981 509 908) do 2 ao 12 de febreiro

O Concello de Brión vén de convocar o seu Concurso de Disfraces de Entroido, que repartirá 2.745 euros en premios e terá lugar o domingo 14 de febreiro, poñendo así o punto e final ás celebracións de Entroido na comarca compostelana. Un concurso que este ano presenta a novidade da desaparición da modalidade “Carrozas”, debido á escasa participación rexistrada en edicións anteriores, o que motiva o incremento dos premios noutras categorías.

O prazo de inscrición estará aberto do 2 ao 12 de febreiro, ben presencialmente na Casa da Cultura de Brión, ben no teléfono 981 50 99 08, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas. Todos os participantes deberán participar no desfile de Entroido, que terá lugar o domingo 14 de febreiro, ás 16:30 horas, entre a Carballeira de Santa Minia e o Pavillón Polideportivo Municipal, onde terá lugar o concurso e unha gran festa de disfraces.

Premios

As bases do concurso establecen un total de cinco categorías. Na Categoría Infantil participarán nenos e nenas menores de 11 anos. Na modalide individual repartiranse cinco premios de 60, 50, 40, 30 e 20 euros canxeables por libros, xogos ou material escolar. Na modalidade de parellas haberá tres premios de 100, 60 e 40 euros en vales canxeables. A categoería xuvenil, de 12 a 17 anos, contará exactamente os mesmos premios e as mesmas categorías ca Categoría Infantil. Na categoría de adultos (maiores de 18 anos) haberá dúas modalidades: individual, con premios de 100 e 75 euros; e parellas, con premios de 150 e 100 euros.

Na Categoría de Grupos (de 3 a 9 persoas), haberá dúas modalidades: infantil/xuvenil, con tres premios de 150, 100 e 75 euros; e adultos, con tres premios de 200, 150 e 100 euros. Finalmente, na Categoría de Comparsas (10 ou máis persoas) concederanse tres galardóns de 300, 250 e 200 euros. As bases do concurso poden consultarse e descargarse na web municipal www.concellodebrion.org.

O xurado valorará a orixinalidade, a calidade do traballo dos disfraces e dos complementos, así como o propio lucimento do disfraz no escenario do pavillón polideportivo, onde os concursantes terán un tempo limitado de 3 minutos (presentacións individuais ou parellas), 5 minutos (grupos) e 8 minutos (comparsas).